Os Bolechas protagonizan a unidade didáctica da Reconquista dirixida a escolares de primaria

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, presentou un libro e unha unidade didáctica centrados na Reconquista dirixidos a escolares do primeiro ciclo de primaria da cidade e que teñen como principal protagonista aos Bolechas. Na presentación da obra, na que tamén participou o seu creador, Pepe Carreiro, Santi Domínguez salientou que esta unidade se suma á realizada para o alumnado de secundaria e que xa foi repartida nos colexios vigueses.


"Queremos que a historia de Vigo chegue aos máis pequenos e pensamos que este libro e esta unidade didáctica son bos instrumentos para coñecer e lembrar a historia da cidade", salientou. O nacionalista explicou que o obxectivo era proporcionar un instrumento "que fora doado de entender e dun xeito áxil", polo que se decidíu reeditar o libro dos Bolechas na Reconquista de Vigo. En total, serán 20.000 os exemplares que se repartirán para que os máis pequenos se acheguen á historia de Vigo.

"Cos Bolechas deuse na clave para achegarse ao público infantil", afirmou o nacionalista, quen adiantou que estes personaxes formarán parte da festa da Reconquista. Pola súa banda, o seu creador, Pepe Carreiro, explicou que coincidindo co Bicentenario da Reconquista se reeditou este libro, que pertence á colección de viaxes dos Bolechas, neste caso a "unha viaxe ao longo do tempo". O conto narra a historia da tataraboa dos Bolechas, e permite aos máis pequenos facer un percorrido por lugares históricos que áinda hoxe poden visitar.

Pepe Carreiro explicou que a Reconquista é "unha historia complexa, nunha época convulsa pero moi interesante, chea de matices que é difícil sintetizar para os máis pequenos". Asemade, sinalou que esa complexidade a solventou mediante unha historia de amor e fuxindo da idea de que os vigueses eran os bos e os franceses os malos, "pese aos problemas que plantexa un exército invasor", indicou. "Espero que os nenos se divirtan e que lembren a súa historia", manifestou ao tempo que indicou que lle gustaría "aproveitar o espírito da Reconquista para ver se os galegos somos capaces de reconquistar tamén o galego".

Os Bolechas
Hai case cen títulos que recollen dun ou doutro xeito, as aventuras dos Bolechas. Cada novo lanzamento consigue unha rápida aceptación do público máis novo ata o punto de conseguir converterse en todo un fenómeno social entre os galegos máis novos.

Unha familia de seis irmáns, Carlos, as xemelgas Loli e Pili, Braulio, Sonia e Tatá, canda ao cadelo Chispa, foron os protagonistas desta iniciativa, que axiña conseguiu unha boa aceptación entre os máis novos. Desde o primeiro "Os Bolechas fan maxia" do ano 2000, os irmáns teñen feito actividades tan variadas como lavar o can, mercar roupa, ir de excusión, de pesca, ao médico, ao supermercado, á praia, á aldea, ao circo, ao cine e á piscina. Agora adentránse na historia da Reconquista de Vigo.

Premio para escolares
O tenente de alcalde lembrou que para os alumnos vigueses de Educación Secundaria Obrigatoria está convocado un concurso sobre a Reconquista e sinalou que a aula gañadora terá como premio unha viaxe a París, mentres que os os segundos clasificados poderán gozar dunha viaxe a Lisboa. O prazo de presentación destes traballos está aberto ata o 29 de marzo e os murais realizados poden ser entregados no Museo Municipal Quiñones de León no horario do museo.

Por outra banda, Santi Domínguez destacou que a exposición da Reconquista instalada no museo de Castrelos "está batendo todos os récords de visitantes", posto que xa se superaron os 3.200 visitantes desde a súa apertura. Ao respecto engadiu que hai 2.000 persoas anotadas para as visitas guiadas.


Ver listado