O I Congreso Internacional da Reconquista contou cos maiores expertos mundiais nas guerras napoleónicas

Durante dous días, O Centro Social Caixanova, acolleu ponencias que analizaron distintos aspectos da Reconquista de Vigo e do papel que xogou Galicia no contexto da Guerra da Independencia de España, hai dous séculos


A presencia de Michael Broers (Universidade de Oxford), Charles Esdaile (Universidade de Liverpool), Alicia Laspra (Universidade de Oviedo), Nuno Lemos Pires (historiador portugués), Jean René Aymes (Universidade da Sorbona-París), Michael Rapport (Universidade de Stirling-Escocia), Nuria Alonso (Universidade de Santiago),e Xosé Ramón Barreiro (Universidade de Santiago) supuxo que algúns dos maiores expertos mundiais na guerras napoleónicas estiveron en Vigo no I Congreso Internacional Da Reconquista, que se celebrou o xoves 12 y o venres 13 de marzo no Centro Social Caixanova.

Organizado pola tenencia de alcaldía de Vigo e a concellería de Cultura, no congreso abordáronse distintos aspectos da Reconquista de Vigo e do papel que xogou Galicia no contexto da Guerra da Independencia de España, hai dous séculos. A presenza de Charles Napoleón, descendente directo do emperador francés, na apertura do encontro, aumentou as expectativas deste congreso.

No apertura, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, afirmou que a Reconquista “foi unha xesta de valor e autoestima” dos vigueses da época e reivindicou que “o caracter emprendedor que liderou aquel puñado de vigueses, sigue a ser parte da nosa cidade”. Pola súa banda, o tenente de alcalde, Santiago Domínguez Olveira, reivindicou a importancia da Reconquista é a necesidade de revalorizar “un feito histórico que resultou decisivo no que hoxe somos como cidade”.

Charles Napoleón
Na primeira conferencia do congreso, Charles Napoleón, descendente do emperador francés, destacou a importancia de España nos plans de expansión de Napoleón, hai douscentos anos. Ademais, reivindicou a figura do seu antepasado porque, dixo “ao final venceu porque as súas ideas permaneceron implantadas nos países polos que pasou”.

Charles Napoleón recordou que “as relación entre as xentes; as bases da laicidade; a liberdade de conciencia; a separación entre estado e igrexa, e o feito de rematar unha Europa de servos e señores en favor dunha de cidadáns, seguen a ser, na actualidade, ideas básicas da nosa sociedade”.

250.000 galegos participaron dun xeito organizado na guerra contra as tropas de Napoleón
O presidente da Real Academia Galega, Xosé Ramón Barreiro, afirmou no congreso que “o pobo galego foi o verdadeiro protagonista na expulsión dos franceses de Galicia”. Barreiro destacou que mentres noutros lugares de España se fala das guerrillas, en Galicia case que 250.000 persoas participaron dun xeito organizado na reconquista”. Barreiro destacou tamén que os verdadeiro protagonistas foron os paisanos porque non había un exército regular, aniquilado en Medina de Rioseco:“foron os paisanos; os pescadores, os labregos e cregos os que se levantaron fronte as tropas napoleónicas”.

Un milleiro de soldados portugueses na Reconquista de Vigo
o Tenente Coronel do Exército Portugués, Nuno Correira Barrento de Lemos Pires relatou a situación do exercito portugués na loita contra as tropas francesas de Napoleón, e como apoiaron aos galegos na Reconquista de Vigo e de Galicia.

Aínda que hai versións contradictorias, o militar portugués afirmou que ten constancia de que cando menos un milleiro de militares portugueses participaron na Reconquista da cidade de Vigo. Esta acción foi a culminación dunha manobra planificada para aillar ao mariscal Soult que, a través de Chaves, ocupara Braga e Porto, cortando as súas comunicacións coas tropas francesas asentadas no norte de Galicia.

Os Arquivos de Martín Garay están en Vigo
Outro dos expertos do congreso, a doutora Nuria Alonso, glosou a figura de Martín de Garay, un dos grandes protagonistas da Guerra da Independencia, quen foi secretario da Xunta Central e das Cortes Constituíntes reunidas en Cádiz.

Os arquivos de Martín de Garay foron descubertos recentemente pola propia Nuria Alonso, unha viguesa que é descendente do político de hai dous séculos, e que atopou os seus documentos entre os fondos familiares. Alonso ven de escribir a súa tese doutoral sobre a figura do seu antepasado e sobre estes arquivos descubertos en Vigo. En breve data, publicará un libro recollendo a obra do Garay, quen ocuparía logo diversos cargos baixo o reinado absoluto de Fernando VII e no Trienio Liberal.

O primeiro correspondente da historia da prensa estivo en Galicia
A profesora da Universidade de Oviedo Alicia Laspra, na segunda xornada do I Congreso Internacional sobre a Reconquista de Vigo, presentou informes e documentos da época, onde queda patente o importante traballo realizado polos emisarios do reino de Galicia, diante da corte do rei Jorge III para recabar apoios económicos e materiais dos británicos para abastecer aos galegos que loitaban contra da invasión napoleónica.

De xeito anecdótico, a profesora Laspra afirmou que na Guerra da Independencia en Galicia se ten constancia dun dos primeiros correspondentes de guerra que, enviado dende Gran Bretaña, remitiu noticias desde A Coruña para o xornal “The Times”.

Na última sesión que pechou o Congreso Internacional sobre a Reconquista interviu Michael Broers, da Universidade de Oxford, quen falou da contrainsurxencia en Galicia e das estratexias das tropas napoleónicas para aplastar todo foco de rebelión, unhas medidas que fracasaron no caso da revolta galega.

Chalot, ese persoeiro descoñecido
Para rematar, Jean René Aymes, da Universidade da Sorbona, en Francia, achegou unha investigación realizada especialmente para este congreso sobre a figura de Chalot, o gobernador francés durante a ocupación de Vigo, de quen dixo que mentres en Francia "e unha figura casique descoñecida, totalmente opaca”, en Galicia, o seu papel e trascendencia “está sobrevalorada”.

O Congreso Internacional sobre a Reconquista de Vigo reuniu na cidade aos principais historiadores europeos, expertos na época napoleónica que aportaron a súa visión sobre os feitos acontecidos en Vigo hai douscentos anos, abrindo novas perspectivas sobre a historia da cidade.


Ver listado