A instalación da mostra, que será inaugurada o venres, comezou o pasado xoves 26, coa chegada de pezas do Ministerio de Defensa
Os traballos de montaxe de “Reconquista: 1809-2009” avanzan no Museo de Castrelos cunha complexa organización que inclúe a descarga de catro camións de transporte especial coas pezas cedidas por tres museos, diversas institucións e varias coleccións particulares.
O pasado xoves, 26 de febreiro, chegaron os dous primeiros camións, correspondentes as pezas cedidas polo Ministerio de Defensa, as de diversas coleccións e as da Asociación Histórica “The Royal Green Jackets”.
Onte, luns, a empresa Manterola, a de máis prestixio en España en transporte de obras de arte, descargou un terceiro camión, correspondente ás pezas do Museo Naval de Madrid. E hoxe, martes, chegará a Castrelos o último transporte, correspondente ao Museo Militar Rexional e ao Museo Diocesano de Tui. En todos os casos, se teñen empregado camións de transporte especial, acondicionados para que manteñan as condicións de humidade e temperatura para a conservación das pezas, baixo regulación por termohigrómetros.
As pezas son de gran valor histórico, pero de difícil valoración económica, ao non estar no mercado. Trátase, nalgúns casos, de exemplares únicos, como os libros de defuntos das parroquias de Vigo de hai dous séculos, conservados polo Museo Diocesano de Tui.
Tamén, pinturas como o retrato de “Fernando VII” de José Camarón, tamén cedido polo Bispado, unha peza de altísimo valor, como tamén o bosquexo do retrato de Carlos IV dacabalo, atribuído a Goya, e que se conserva no Museo Quiñones de León.
Canóns, morteiros, pistolas de chave de chispa, polvoreiras, fusiles, sabres, balas, cartuchos... As armas de hai douscentos anos, conservadas polos museos estatais, chegan tamén a Vigo en condicións especiais de transporte para a súa exposición.
Dous conservadores-correo, chegados do Museo Naval de Madrid e do Museo Militar Rexional de A Coruña, estarán presentes na montaxe das pezas, para supervisar a súa exhibición.
Ao longo da semana, diversos equipos están a traballar no Museo Municipal de Vigo “Quiñones de León” na montaxe da exposición, que inclúe pezas audiovisuais, equipamentos de son e imaxe, carpintería, electricidade, deseño e cartelería diversa.
Ademais, a Tenencia de Alcaldía, promotora da exposición ten encargado a restauración do sabre do Mariscal Soult, unha peza de alto valor histórico que foi abandonada en Vigo polo mando francés e recollida polos veciños tras a Reconquista. O sabre será exposto nunha nova peana, que se conservará logo na exposición permanente do museo de Castrelos.
Unha das características importantes de “Reconquista: 1809-2009” será que a exposición convivirá con boa parte da mostra permanente do pazo. Dunha banda o visitante atopará obra que se expón habitualmente, pero tamén verá mobiliario e decoración propios do século XIX, o que aporta unha mellor perspectiva da época da Reconquista.
As pezas da exposición serán claramente identificables polas súas cores branca e vermella –as cores da bandeira de Vigo- e tamén a través do díptico que se entregará ao visitante á súa chegada ao pazo.
Tras o complexo traballo de montaxe que se está a desenvolver en Castrelos, a mostra será inaugurada o próximo venres, 6 de marzo, e poderá ser visitada a partires do sábado 7 de marzo, para o público en xeral.
Ver listado






