O Casco Vello recorda a rendición de Vigo ante as tropas de Napoleón

A primeira representación da Reconquista foi un éxito. A Asociación Veciñal e Cultural do Casco Vello abriu os actos do Bicentenario, cunha recreación desde a rúa do Príncipe ata a praza da Constitución, na que participaron miles de vigueses e que rematou cun concerto dun grupo bretón.


O 31 de xaneiro de 1809, Vigo rendíase a dous escuadróns de húsares dirixidos polo maior Nicolás. Eran a avanzada dos exércitos de Napoleón que haberían de ocupar a praza durante 56 días.

Douscentos anos máis tarde, os veciños do Casco Vello recordaron a efemérides cunha recreación que tivo marcado carácter festivo, e que transmitiu unha mensaxe de concordia ao rematar cun concerto do grupo bretón “Skeud”.

Os acto comezaron cun curso de danzas bretonas na praza da Constitución e tiveron o seu momento álxido coa recreación, que se iniciou na rúa do Príncipe, ante o Marco, co desfile das tropas “francesas”.

Na sede da vella casa do concello, o “gobernador” Villavicencio, tentou de calmar aos veciños, que pedían loitar contra os invasores. Finalmente, tras un acendido debate, Vigo rendeuse as tropas imperiais e a cidade quedou baixo mando francés.

O público foi un participante máis na recreación, lanzando vivas a Vigo e protestando aos franceses. E, nun ambiente festivo, a celebración rematou con música e baile.

Con esta representación comezan os actos do Bicentenario da Reconquista, que terán en marzo o seu mes máis importante, con novas representacións, o Congreso sobre a Reconquista e a exposición en Castrelos, entre outras actividades.

Todo rematará coa gran festa da Reconquista que cada ano organiza con grande éxito a Asociación Veciñal e Cultural do Casco Vello.


Ver listado