Pablo Morillo

A intelixencia militar


Nado Fuentesecas (Salamanca), o 5 de maio de 1778, alistouse na Armada con só 13 anos e foi destinado a Ferrol. Aínda adolescente, distinguiuse en accións como o desembarco de Sardeña ou no sitio de Tolón. Froito destes temperáns servizos, foi ascendido ao grao de sarxento, gradación coa que participou na batalla de Trafalgar, o 21 de outubro de 1805, a bordo do buque “San Ildefonso”. Na derrota franco española ante Nelson resultou ferido e foi feito prisioneiro.
Morillo pasa logo ao exército de terra, onde en xullo de 1808 é nomeado subtenente do Rexemento Voluntario de Llerena, co que participa na batalla de Bailén. O xeneral Castaños toma nota da súa audacia e dálle o mando dunha guerrilla, coa que acosa aos franceses en Estremadura, ao tempo que ascende a tenente.
É o propio Castaños quen decide designalo como enviado da Xunta Central para Galicia, xunto ao tenente coronel García del Barrio e o cóengo Manuel Acuña y Malvar, coa encomenda de levantar aos pobos en contra dos franceses. Para dar rango á súa misión, ascéndeselle a capitán.
O 21 de marzo de 1809, unha semana antes da Reconquista, chega Morillo a Vigo, onde intenta tomar o mando do asedio, o cal logra tras diversas vicisitudes. Antes da rendición da guarnición mandada por Chalot, é ascendido a coronel, ao obxecto de vencer as dúbidas do comandante francés a renderse a paisanos.
Na posterior batalla de Ponte Sampaio significaríase como un dos seus máis importantes caudillos, polo que se lle darán honras e recibirá o apelativo de "O León de San Paio".
Posteriormente, se incorpora a diversas forzas que libran a guerra contra o francés en Estremadura, Castela e País Vasco. Nestas accións, segue acumulando méritos militares e destacándose como estratego.
O xa xeneral Morillo é enviado, tras a derrota de Napoleón, como "pacificador" a América, onde debe conter as revoltas liberais e independentistas. Alí obtén grandes éxitos militares, polos que, en 1821, foi nomeado Capitán Xeral de Castela, e posteriormente, de Galicia.
Pablo Morillo morre en Francia o 27 de xullo de 1837, logo de retirarse a un balneario a recuperarse das febres contraídas durante a súa estancia en América. Ademais de diversas condecoracións, Morillo foi nomeado Conde de Cartaxena.


Ver listado