O heroe da Gamboa
Bernardo González del Valle pasará á historia polo seu sobrenome, que corresponde ao da aldea ourensá onde naceu, o 23 de marzo de 1771. O seu pai, Ignacio González, xa seguira a carreira militar, como capitán do Rexemento de Ourense.
O 1791, atopamos xa a "Cachamuíña" como subtenente das Milicias Provinciais, tras o que se incorpora ao Rexemento con base en Ferrol. O seu primeiro destino de guerra foi contra os ingleses, no exército do Bidasoa, no País Vasco, onde varios actos heroicos procuráronlle o ascenso a tenente.
Ao seu regreso a Ferrol, distínguese na batalla que se libra nesa praza contra os ingleses en 1800, acción pola que se gaña o grao de capitán.
A comezos da Guerra de Independencia, participou na batalla de Rioseco, ademais de nas de Valmaseda e Espinosa de los Monteros, tras o que se retira a León coa súa compañía de granadeiros. Máis tarde, toma contacto co Marqués de la Romana, quen lle encarga levantar aos paisanos de Ourense, dándolle mando sobre as guerrillas. Con outros granadeiros dispersos que foi incorporando á súa compañía, protagonizou importantes accións en Ourense e no Deza, antes de chegar ao sitio de Vigo, onde se erixiu no seu maior heroe.
Ferido cando derrubaba a machadazos a porta da Gamboa, rematou por ser designado gobernador da praza de Vigo, tras a expulsión dos franceses, un cargo que desempeñou con gran acerto.
En outubro de 1809, foi designado polo Marqués de la Romana gobernador da praza de Tui e da súa provincia. Inquedo por natureza, non se parou aquí e organizou neste cargo a Lexión do Ribeiro, da que el mesmo foi comandante, co grao de coronel.
Como en tantas ocasións, o Estado non foi xusto con Cachamuíña, que viu como se colmaba de prebendas e honras a outros protagonistas da Reconquista. Farto de tanta ignominia, pediu o retiro en 1811 como inválido de guerra. Foille concedido, cunha remuneración de 1.800 reais de pensión mensual, en atención aos seus moitos méritos. Pero non lle pagaron. Non foi ata 17 anos máis tarde cando comezou a recibir algúns pagos, logo de interminables instancias de protesta.
En 1829, atopámolo cobrando diezmos para o Bispado de Lugo, tras o que se retira á súa casa natal, logo de ser tan inxustamente tratado. Bernardo González do Val morre o 6 de setembro de 1848. Os vigueses, con todo, xamais esquecerán a "Cachamuíña".
Ver listado






