Andrés Villageliú

De franciscano a heroe


Cando os franceses entran en Galicia, Andrés Villageliú era Predicador Primeiro do convento de San Francisco. Foxe do cenobio días antes da toma de Vigo e, tras intentar unirse ás tropas do Marqués de la Romana, contacta co abade de Valadares, que o nomea o seu axudante. Durante a ocupación, protagoniza numerosas accións, entrando e saíndo da vila, a cotío disfrazado, para levar pólvora e municións aos sublevados.
Participou no sitio da praza e na súa toma, os días 27 e 28 de marzo de 1809. A boa estima que espertou en Morillo e no Marqués de Valadares levaron a éstes a elixilo como o emisario que habería de levar o parte da Reconquista de Vigo ata Sevilla, no buque "Fernando VII", fretado ao efecto por un comerciante local.
Ao seu regreso de Sevilla, aínda participou na batalla de Ponte Sampaio, desenrolando un gran labor en retagarda, onde os frades de San Francisco fabricaban cartuchos para os fusileiros galegos.
En febreiro de 1810 tomou posesión na Coruña como membro da Xunta Superior de Galicia. O agosto de 1810 é nomeado tenente coronel e incorpórase ás Cortes do Supremo Goberno de Cádiz como un dos 25 comisionados de Galicia.
En decembro de 1811, decide abandonar a carreira política e regresa ao convento.
De 1821 a 1823, Villageliú abrazaría a causa liberal e solicita a súa secularización, ao tempo que publica diversos escritos nos que censura aos partidarios de Fernando VII. Con todo, o machadazo que o rei Borbón dá aos principios liberais, co regreso ao absolutismo na Ominosa Década, colócalle nunha situación límite.
Villageliú escribe unha Retractación de todos os seus escritos e anula a súa decisión de colgar os hábitos. Con todo, queda marcado e, do seu formidable protagonismo nos últimos anos, pasa á marxinación máis absoluta, para rematar os seus días como párroco nunha pequena aldea ourensá.


Ver listado